A importancia da Feira para Curtis

Para entender a importancia da actual feira de Curtis, que se desenvolve todos os días 9 e 23 de cada mes e que é un factor clave de dinamización do municipio curtiense, concello no que o sector primario supón o 50% do seu desenvolvemento económico, hai que remontarse a 1894. É nesa data cando o Goberno local acorda por unanimidade a creación dunha feria que se celebrará o día 23 de cada mes.

A proposta apuntaba á “utilidade que representaría para o municipio a creación dunha feira de gando de toda clase, grans e artigos de primeira necesidade, concretamente onde vai situada a Estación de Ferrocarril denominada Curtis, pois é o punto de arranque de diferentes vías de comunicación”.

Así naceu a feira que, en 1908, empezou tamén a celebrarse o día 9 de cada mes, quedando así establecida en periodos quincenais. Desde entón é un dos motores económicos do pobo.

Pero, como eran as feiras de outrora? Como era un día nos mercados de 1900 en Curtis?

Movemento xa os días previos aos feriados

As galiñeiras

Bares e fondas estaban ao completo na véspera á feira porque moitos comerciantes e compradores, especialmente os de queixos, pernoctan no pobo para conseguir as mellores cestas antes das sete da mañá. A feira de gando comezaba un pouco máis tarde.

Era tal o movemento da feira que en 1957 existía un servizo regular de 64 ómnibus e dez camións procedentes de A Coruña, Lugo, Santiago, Ferrol, Betanzos, Cesuras, Aranga, Boimorto, Ordes, Mesía, Corredoiras, Présaras, Arzúa e Melide, ademais dos propios do pobo.

A distribución dos postos

Imaxe das coplas de cegos

A feira tiña as súas parcelas. Entrando á Carballeira desde a Avenida Principal, instalaban os seus postos os vendedores de sementes, os quincalleiros, e as tendas de roupa; case no centro, os queixos, as cestas de froita e as galiñeiras; á dereita, baixando, a feira de porcos e ovellas, e á esquerda, as das vacas. Ao final, ocupando todo o ancho do campo, os cabalos, burros e mulas.

Pero na feira tamén tiñan cabida o cantador de coplas, os charlatáns, a adivinadora e a curandeira.

Comercio nacional

Feira gando vacún

O tradicional queixo de Curtis xa era por aquel entón un dos produtos máis requeridos polos compradores xa que da feira saían cada quince días centenares de quilos, incluso para fóra de Galicia, realidade da que hai incluso testemuño literario.

Pero tamén era de especial importancia a exportación de gando xa que decenas de vagóns de tren se enchían de tenreiros na estación de Curtis con destino ás grandes capitas de Madrid e Barcelona, e de cabalos e mulas para Castela, donde se empregaban para arar nos campos de trigo.

Vida social

O da feira non só era un día para o comercio, tamén dinamizaba a vida social da vila. Cantas parellas naceron nesas xornadas! Á noitiña, cando finalizaban as transaccións comerciais e económicas, comezaba pola rúa principal o Paseo das Mozas.

Previamente, as mulleres máis novas cambiaban nalgunha casa coñecida a vestimenta da feira pola roupa de festa e iniciaban o percorrido. O paseo prolongábase ata o inicio do baile nun dos dous salóns existentes no pobo.

Datos recollidos do Xornal Curtis na Lembranza 2017