A sociedade de Curtis de principios do século pasado estaba composta na súa maioría por labregos e labregas, pero tamén por veciños dunha escala socioeconómico máis alta, e ambas realidades plasmábanse nas distintas vestimentas e na moda que se vía polas rúas de outrora, diferencias que se acrecentaban coa chegada ao pobo de decenas de viaxeiros os días de feira.

Hai que ter en conta, ademais, que foi unha época de grandes cambios no vestir, pasando as mulleres dos longos e encorsetados vestidos de 1910 aos tolos anos 20.

Se vos animais a vir vestidos a Feira de 1900 coas vosas mellores galas, existe extensa documentación, como a que vos deixamos nestas ligazóns:

Con todo, non existe tanta información sobre a vestimenta da sociedade labrega, por iso deixámosvos estas indicacións:

Vestimenta feminina. Traxe de faena

Os tecidos
A vestimenta da muller rural era moi tradicional. Para cada prenda existía un tipo de tecido, e cada tecido segundo o seu acabado e elaboración estaba destinado a uso diario, domingueiro ou ceremonial.

Os tecidos máis empregados son o liño, a batista (tela fina de liño) a lá, o picote (mestura de estopa ou lá con liño), o algodón, o pano, o pano xaspeado, o pano burel e a frisa empregada para o forro. En canto ás cores, as mozas levaban cores claras mentres que as vellas empregaban cores oscuras e en ocasións tinxidas. 

Cabeza e peiteado
O pano ou pañoleta, normalmente floreado ou negro, indicaba o estado civil da muller que o levaba pola forma de atalo: encima da cabeza e diante correspondía a unha muller solteira, debaixo e detrás da nuca a unha casada e as viúvas atábano debaixo da cara. Os sombreiros podían empregalos sobre da pañoleta. O pelo longo recollíase nunha ou dúas trenzas ou nun moño baixo.
A roupa

Na parte superior, a muller adoitaba ir ataviada con camisa e pano de peito ou cruzado, normalmente de lá. En épocas de máis frío usábase o mantón, que non se cruza.
Na parte inferior, a cor das puntillas das enaguas indicaba o estado civil. Así, o vermello era para as solteiras, o branco para as casadas e o negro para as viúvas.
A saia era normalmente de liño, picote, estameña, paño, lá… por suposto, nunca por riba da media perna. O mandil ía atado á cintura e normalmente era de liño e as medias, de liño ou de lá.

O calzado
Os zocos (negros ou marróns), as zocas e as madreñas eran o calzado típico de traballo das mulleres.

Vestimenta feminina. Traxe das celebracións

Máis colorido
O traxe para celebracións non variaba moito, mais si o facían as teas empregadas. Podemos atopar brocados nos mantóns, seda, caxemira ou satén nos pañuelos ou terciopelos nos mantelos, aportando máis colorido ás teas.
En canto ao calzado, normalmente usábanse zapatos baixos, negros de coiro ou botíns. Nas ocasións especiais puñan xoias de prata ou acibeche, e en raras ocasións de ouro.

Aínda que con pequenas innovacións en canto á vestimenta, sobre todo nos cortes festivos e nas mulleres máis novas, podemos dicir que non é ata ben entrados os anos 40 cando se racha definitivamente coa vestimenta tradicional na Galicia rural. Nos anos 20, nas vilas e ciudades as mulleres decídense polo pelo corto e por acortar o longo da falda a alturas “propicias”, mentres que no rural desata moreas de críticas, sobre todo das propias mulleres que saben por tradición que o cabelo ou os nocellos son zonas eróxenas.

Vestimenta masculina. Traxe de faena

O costume
Os homes do campo tiñan unha roupa de cotío e unha muda para os domingos ou días de festa. Cada unha das pezas de vestir só era substituída cando xa non lle quedaba tea para soster máis remendos.
Cabeza
Normalmente andaban coa cabeza tapada, ben con sombreiro de feltro ou de palla. Eran redondeados e con aba máis ou menos ancha. A boina comezou a aparecer en Galicia a partir dos anos 20.
A roupa
Na parte superior, empregaban camisa ou camisola, chaleque, con chaqueta para os días fríos e somonte para os máis invernais. A camisa ou camisola normalmente de cor clara, estaba feita na casa con liño ou estopa e nalgúns casos de algodón.
O chaleque era unha prenda moi común e normalmente confeccionado en pana de Manchester (pana grosa).
As chaquetas normalmente eran de somonte, pano basto, áspero ao natural ou de pano burel, de cor parda ou roxiza moi empregado polos labregos, ou de pano negro confeccionada en tecido moi tupido e raso especialmente de lá.
Para os pantalóns empregábanse normalmente os mesmos tecidos que para as chaquetas, bastos e poucos traballados: a pana, a lá e o pano burel eran os máis empregados.
Calzado
Dependendo da época do ano e das tarefas a desempeñar, os homes usaban zocos, zapatóns ferrados, alpargatas ou botíns.
Traxes festivos
Os traxes facíanse a medida e xeralmente con teas máis finas e traballadas, moitas delas importadas e a un coste asumible pola clase traballadora que normalmente achegaban ás pequenas vilas os mercaderes ambulantes.